domingo, 3 de abril de 2011

Esquecendo e recapitulando.

Non queres vir onda min, porén non queres perderme de vista. Non lembras como ulía cando nos coñecimos, pero nun intre xa voltas a pulular o meu colo. Estas unllas que cravo na túa pel núa, non queres voltalas mirar lonxe do teu ombro. Estes ollos que lascivan os ollos teus, os mesmos que fan tremer as árbores, aloumiñas cando podes coas túas pestanas. Non adoitas dicir verbas secas e ríxidas, dos teus beizos soamente brotan beixos húmidos e suaves. Doces. Bicos ventureiros e sinxelos, que tornan vermellas as meixelas que te botan en falta. O sorriso que ti aprendiches nacer, revive cada día como brillabas mentres buscabas arrebatarme a tristura.

Agora son eu quen lembra como ules cando me faltas. Ti e o teu aloumiñar por todo o meu corpo. Con esas unllas suaves, eses ollos ventureiros, eses beizos que tremen. O teu sorriso lascivo e as mans, esas que aniñaban na miña pel núa, bicos insaciables e húmidos ouvidos non doados de esquecer. Ese xeito de facerme muller, de sentilo. De sentirme, de sentirte, de sentirnos.

E os días, abofé, que son máis longos. E as noites máis longas tamén. E lonxe de rexeitala, ámoa. Amo á vida, e agradezo a quen me ensinou a amala un chisquiño máis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario